Intervención paisaxística para disimular os colectores na contorna da Alameda
Por Redacción
Despois de varias xornadas de traballo, o paisaxista marinense José Souto finalizou a intervención que lle foi encargada na contorna da Alameda.
En concreto o Concello de Marín solicitou os seus servizos para tentar integrar e disimular os colectores de lixo de carga lateral que substituíron aos subterráneos na rúa Almuíña, medida que se adoptou polos continuos desbordamentos debido ao aumento de locais de hostalería na zona.
Os colectores subterráneos colocáronse hai uns 15 anos en todos os municipios do Morrazo, pero co tempo fóronse retirando e en Marín, actualmente, só continúan en servizo os da Rúa do Sol e a entrada do Parque Infantil da Alameda, aínda que se está valorando eliminar estes últimos.
A intervención realizada pola empresa Innova Paisajes delimitou a zona cun parterre que esixe pouco mantemento e plantas de valor decorativo co obxectivo de minimizar o impacto visual que causan os colectores.