Tres detidos por 22 roubos con forza cometidos nos últimos meses en Arousa
Por Natalia Puga
A Garda Civil detivo durante os últimos días tres mozos, veciños de Vilanova de Arousa e Cambados, aos que se lles atribúe a suposta autoría de 22 roubos con forza cometidos durante os últimos meses en distintos municipios da bisbarra de Arousa.
Os roubos cometéronse fundamentalmente en garaxes comunitarios, instalacións deportivas, bares e embarcacións das localidades de Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Boiro, Cambados, Sanxenxo, Ribadumia, Catoira e Boiro.
Segundo informou a Garda Civil, as detencións son froito dunha investigación iniciada a mediados de 2012 para esclarecer unha serie de roubos cometidos co mesmo modus operandi na bisbarra e, en particular, no municipio de Vilanova de Arousa.
No marco da mesma investigación levada a cabo por efectivos do posto da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, o 19 de marzo deste ano tense noticia da substracción dunha embarcación en Carril. Foi localizada e recuperada pola Garda Civil o mesmo día na Praia da Braña de Vilanova de Arousa cando xa lle montaran outro motor foraborda.
As investigacións levadas a cabo para o esclarecemento da subtracción desta embarcación frutificaron coa detención o 12 de abril do seu presunto autor, o veciño de Vilanova de 19 anos J.M.D.S.
Ao fío desta detención, e sobre a base das investigacións que se viñan realizando, culminouse a operación coas detencións de D.S.T., de 22 anos e tamén veciño de Vilanova; e FJ.E.V., de 46 anos e veciño de Cambados, pola súa presunta implicación nos feitos investigados.
No transcurso da investigación púidose recuperar unha importante cantidade de obxectos que foran subtraídos, entre eles: unha embarcación tipo planeadora, unha canoa C-1, unha kaiak K-1, un motor foraborda, material informático, unha cámara de video e distintas ferramentas.