Ponte Caldelas executará durante este ano un "investimento histórico" de máis dun millón de euros
Por Redacción
O Goberno local de Ponte Caldelas asegura que o ano 2018 vai ser "histórico" en canto a investimento municipal. O Concello está a piques de licitar catro actuacións que integran o Plan de Obras 2018, cun importe total de case 1.100.000 euros. Un esforzo que se reparte case ao 50% entre o centro urbano e as parroquias do rural.
O tripartito conformado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, destaca que este investimento sen precedentes é posible gracias ao "intenso labor de saneamento da economía municipal realizado nos primeiros tres anos de mandato", no que a débeda baixou de 1 millón de euros a case medio millón. Ademais, o Plan de Obras 2018 conta co apoio financeiro da Deputación Provincial.
A principal obra vai ser o acondicionamento da praza de España, cun orzamento de 382.125 euros, maioritariamente achegados polo Plan de Reequilibrio da Deputación.
O Concello acometerá simultaneamente a reordenación dos xardíns de Xerardo Carballal, que van ser substituídos por unha moderna fonte de chorros, con xogos de formas de auga e cor.
Tamén planea reordenar o aparcamento dos autobuses escolares para situalo no Camiño do Valdarrosa (subida ao instituto). O orzamento de licitación deste conxunto de obras será de 287.876 euros.
Por outra banda, tamén con cargo ao Plan Concellos e a fondos propios acometeranse dous paquetes de asfaltados e formigonados de camiños rurais valorados en 311.454 e 98.603 euros, respectivamente. As obras chegarán a máis dunha vintena de lugares do municipio.
Por outra banda, o Concello mantén o compromiso de acometer outras obras xa en marcha, non incluídas nestas licitacións entre as que cabe destacar o cambio do tapete de herba sintética do campo de fútbol de Chan da Barcia, a segunda fase da ampliación do camiño central de Tourón ou a construción da nova Casa da Cultura, tamén en Tourón.
O alcalde, Andrés Díaz, afirma que a práctica totalidade das obras estarán rematadas ao longo deste ano e son posibles gracias á política de austeridade e consolidación económica, o que permitiu que Ponte Caldelas goce hoxe dunha posición financeira que era impensable hai só tres anos. O alcalde conclúe que ao remate do mandato, en xuño de 2019, a débeda municipal estará preto dos 600.000 euros, un 40% por debaixo da recibida.