Moreira cualifica como "miseria" os cartos destinados polo Concello á liña de bus a Monte Porreiro
Por Redacción
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, cualifica como "miseria" os cartos que o Concello de Pontevedra destina á liña de bus a Monte Porreiro que é, segundo lembra, o único transporte público urbano co que conta o municipio.
"O BNG non aposta polo transporte público", subliñou Jacobo Moreira, quen ademais lamenta que "dos cartos orzados tan só gasten a metade". Así, nos anos 2016 e 2017, dos 86.849 euros previstos en ambos orzamentos municipais para o convenio do transporte público a Monte Porreiro, o Goberno local gastou tan só o 53% (46.345 euros).
"Mesmo este ano, a cantidade prevista alcanza unha cantidade menor, 71.849 euros concretamente", matizou o portavoz popular.
"Lores debería apostar por implantar o transporte público urbano en Pontevedra en lugar de tratar de lavar as súa conciencia adicando pouco máis de 71.000 euros á única liña existente, e mesmo gastar tan só a metade subvencionando só a partir do viaxe número 12", apostilou o edil popular.
"Outras cidades como Santiago de Compostela invisten case 5 millóns de euros, en Pontevedra 35.000 euros. Esta non é unha boa maneira de fomentar o uso do transporte público", engadiu Moreira.
"Pontevedra merece transporte público urbano, pois entendemos que esta é a forma de retirar os vehículos do centro", sentenciou.