O Xulgado de Caldas investiga o envelenamento de tres aves usando carne intoxicada
Por Natalia Puga
O Xulgado de Caldas de Reis e a Garda Civil investigan un delito contra a protección da flora e a fauna que se tería cometido ao envelenar tres aves que apareceron mortas en montes da comarca.
Segundo fontes da investigación, esta semana chegou un informe toxicolóxico que confirma que 19 bolsas con carne localizadas nas proximidadesde o monte no que apareceron mortas as aves dan positivo en estricnina, un veleno moi forte perigoso habitualmente empregado como pesticida.
A investigación que está agora en mans do Xulgado de Caldas iniciouse hai máis dun mes, o 16 marzo, cando se recuperaron no lugar de Ás Cernadas, no municipio de Valga, tres aves mortas. Os animais foron remitidos ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotorredondo en Vilaboa para a súa análise.
Dous días despois, localizáronse na mesma zona que as aves 19 bolsas cheas de carne que a Garda Civil sospeitaba que poderían ser cebos envelenados e que podería ter algún tipo de vinculación co falecemento das tres aves.
Mentres en Cotorredondo se analizaban os animais, o Hospital Veterinario Universitario de Lugo fixo o propio coas bolsas de carne e a principios de abril o laboratorio emitiu un informe no que se recolle que a citada carne dá positivo en estricnina.
Tanto os informes toxicolóxicos coma todas as dilixencias e documentación elaborados pola Garda Civil foron remitidos ao Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis e á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que agora investigarán o acontecido para intentar localizar os responsables do envelenamento.