CC.OO. acusa ao Concello de Pontevedra de "prácticas abusivas" cos vendedores do mercado
Por Redacción
O sindicato Comisións Obreiras esixe ao Concello de Pontevedra que "remate co abuso que exerce cos vendedores do mercado" e que adopte "unha solución definitiva", consensuada cos propios afectados, "que permita a permanencia e a estabilidade no día concreto da celebración do mercado.
Así, o sindicato denuncia que o Goberno local decidiu "pola súa conta" que os mercados do Recinto Feiral se trasladasen dos mércores aos sábados e cada vez que se realizan distintas probas deportivas en sábado preto do día trasladan o mercado para os venres. Esta acción, aseguran, "prexudica triplemente aos vendedores".
As tres vertentes nas que se ve afectado o colectivo son que os venres a afluencia de clientes é moi inferior aos sábados "xa que descoñecen o cambio de data", que a maioría dos vendedores montan os seus postos en lugares distintos cada día da semana e que monten ou non os seus postos teñen que aboar as taxas que están fixadas polo Concello.
En opinión de CC.OO., "esta é unha práctica abusiva por parte do Goberno municipal, que atenta contra os lexítimos dereitos de duns traballadores que tamén están a sufrir as consecuencias da crise, pola importante redución das vendas".
O sindicato recorda que a actuación mantida no tempo polos distintos grupos de Goberno de Pontevedra "prexudicou de forma notable aos vendedores ambulantes, pero tamén aos cidadáns que acoden a facer as súas compras no mercado, que cada vez está máis limitado".