Así quedaría a urbanización de Tafisa se segue adiante o proxecto de 200 vivendas
Por Natalia Puga
A Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente do Concello de Pontevedra deulle este martes o visto bo ao estudo de detalle do proxecto para construír preto de 200 vivendas nunha parcela dos antigos terros de Tafisa. Ademais de dar a coñecer este paso importante de cara a materializar a actuación, a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, amosou algunhas imaxes ata agora descoñecidas de como quedaría a contorna en caso de que as novas construcións sigan adiante.
O proxecto destas novas vivendas é de dúas empresas, Solvia Gestión Inmobiliaria, filial do Banco Sabadell, e Building Center, inmobiliaria creada por CaixaBank. As dúas presentaron o estudo de detalle que se estudou na Comisión de Urbanismo e que tivo o voto favorable do grupo municipal do BNG e a abstención do resto dos partidos con representación no Concello.
A parcela afectada está considerada urbanisticamente unha parcela única, pero ten tres propietarios distintos. Dous son os que promoven este estudo de detalle para as citadas vivendas e no Concello non teñen constancia de que o terceiro teña discrepancias co proxecto.
Agora, unha vez que o estudo está aprobado na comisión terá que ir á Xunta de Goberno e os seguintes pasos serán dalo a coñecer ao terceiro propietario, poñelo a exposición pública e, como paso final, que sexa aprobado polo Pleno da Corporación.
Anabel Gulías recordou que a parcela afectada está xunto fronte á area de auto caravanas e o proxecto supón construír un bloque residencial en forma de U cun mínimo de 180 vivendas. Todas elas integrarán catro bloques que formarán parte dun único edificio, que manterá unha unidade estética, e que se executará por fases.
Esta promoción inmobiliaria ocupará unha parcela de 5.494 metros cadrados que rodea o actual parque infantil habilitado nos terreos de Tafisa. A edificabilidade total do terreo que ocupará este inmoble alcanza os 25.736 metros cadrados. Os bloques de vivendas, segundo o proxecto presentado ante o Concello, terán baixo, seis plantas e aproveitamento de baixo cuberta.
Estas 180 sumaríanse a unha segunda iniciativa de 92 vivendas nunha parcela ao carón da avenida de Bos Aires, impulsada por unha promotora participada maioritariamente polo Banco Santander.
Relacionadas:
-
Piden licenza para construír un novo edificio nas parcelas de Tafisa
Por Diego Espiño |
-
As promocións inmobiliarias de Tafisa, en marcha coa primeira licenza
Por Redacción |
-
Lores negociará cun grupo investidor mexicano para ofrecer o solar para hotel en Tafisa
Por Oskar Viéitez |
-
Unha segunda promotora proxecta outras 92 vivendas nos terreos da antiga Tafisa
Por Alejandro Espiño |
-
Dúas promotoras impulsan a construción de 200 vivendas nos terreos de Tafisa
Por Alejandro Espiño |