Ponte Caldelas abrirá o 21 de abril a tempada galega de concentracións moteiras
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o presidente do Custom Motoclub Redondela, Carlos Figueroa, acaban de asinar un convenio en base ao que se organiza a Concentración Moteira de Ponte Caldelas, que este ano, na súa cuarta edición, terá como novidade o cambio do recinto da concentración.
O evento abandona Chan da Barcia para desprazarse ao paseo da praia da Calzada, segundo informou o Concello a través dun comunicado.
O evento, que o ano pasado supuxo a visita de máis de 3.000 persoas, quedou convocado polo Concello e o club organizador para o próximo mes 21 de abril. A elección desa data suporá que Ponte Caldelas abrirá a tempada das concentracións galegas coa primeira gran cita.
Xa está confirmada a presencia de todos os clubs da provincia e outros moitos da comunidade e están a interesarse clubs e afeccionados de Asturias e Castela-León, así como de Portugal.
O recinto abrirase ás 15.00 horas e estará amenizado con música do DJ Master Music. Ás 17.00 horas sae a ruta moteira pola bisbarra en dirección ao municipio da Lama, pasando tamén por Cerdedo-Cotobade para volta a Ponte Caldelas, baixando por Santa Ana e volvendo por varias parroquias. Un total de 45 kilómetros que os motociclistas tardarán preto dunha hora en completar.
Á volta haberá pinchos gratuítos para todos os asistentes a cargo da organización. Con tempo máis que suficiente para presenciar, sobre as 19.00 horas, o primeiro pase de Dani Pérez, condutor de quads, dobre campión galego de acrobacias.
A xornada dará paso aos 'xogos moteiros', con diversas probas de entretemento e habilidade na condución, para, xa ás 21.00 horas, ofrecer o segundo pase de Dani Pérez. Ás 22.00 horas repartiranse os habituais agasallos entre todos os moteiros presentes e o día rematará con música ata ben entrada a noite.