Aprendendo a mover os fíos do Concello
Por Redacción
Estudantes de terceiro curso de ensino primario do colexio Manuel Cordo Boullosa realizaban unha visita ao Concello de Ponte Caldelas. A idea era coñecer de preto como funciona a xestión dun concello, ver mecanismos políticos e administrativos para entender o traballo que se realiza desde esta institución.
A visita englóbase dentro das xornadas de portas abertas a tres centros educativos públicos do municipio, que tras o Cordo Boullosa terá continuidade co colexio da Reigosa e con estudantes do instituto.
Manuel Barreiro, director do centro e tamén concelleiro, acompañou aos escolares xunto a outras dúas profesoras. Os menores mantiveron un encontro co alcalde Andrés Díaz e tamén coa secretaria municipal e coa funcionaria que se encarga do departamento de Atención ao cidadán. Desta forma, o alumnado obtivo coñecementos básicos sobre como se tramitan e atenden as demandas veciñais.
A visita tamén permitio que visen o Salón de Plenos, o despacho da Alcaldía e as oficinas administrativas. Mesmo recibiron datos directos dos integrantes de todos os grupos políticos que participaron durante a xornada na Xunta de Goberno local.