A 'Hora do planeta', unha iniciativa simbólica contra o cambio climático
Por Sara López Lago
Este sábado 24 de marzo ás 20:30 horas terá lugar un apagamento xeral das luces de moitas cidades con motivo de 'A Hora do planeta'. O apagamento durará unha hora, co fin de simbolizar a loita contra o quecemento global.
'A Hora do planeta' é un movemento a escala mundial promovido pola plataforma WWF (Fondo Mundial para a Natureza). A misión da organización é deter o avance do cambio climático e frear a explotación indiscriminada dos recursos. A través desta iniciativa, anima a realizar apagamentos a pequena e gran escala, en cidades e fogares. Dende a institución expresan que o apagamento pretende visibilizar as consecuencias do fenómeno, así como esixir unha maior implicación de parte dos gobernos á hora de regular e frear o alcance dos seus efectos.
Como manifestan as previsións de multitude de colectivos de científicos e ecoloxistas, as secas de longa duración, os fenómenos climatolóxicos extremos e a desaparición de especies e ecosistemas son só a punta do iceberg do que se aveciña se non se toman medidas canto antes.
Á marxe de posicións ideolóxicas, moitas administracións públicas de toda Galicia quixeron adscribirse a este acto, como é o caso da Deputación de Pontevedra (gobernada polo BNG-PSOE) ou do Concello de Marín (PP), ambos apagando as luces dos seus respectivos edificios do Concello. A intención é mandar unha mensaxe unitaria de compromiso ante o desafío que se presenta.