Piden a Montoro que non paralice a anticipación da idade de xubilación dos Policías Locais
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Pontevedra protagonizaban unha protesta ante a Subdelegación do Goberno para reclamar ao Goberno de Mariano Rajoy que se adiante a xubilación a aqueles axentes que superen os 60 anos.
Pergentino Martínez, de FSP-UXT, sinalaba que esta reivindicación leva realizándose desde hai unha década e alcanzouse un acordo para a aprobación dun decreto, que se viu freado polo ministerio de Facenda que lidera Cristóbal Montoro. Esta situación xerou crispación entre as policía locais de todo o Estado e este venres desenvolvíanse 50 concentracións en distintos concellos do Estado.
Os representantes sindicais de CC. OO., UXT, CSIF, CSL e COP esixen a tramitación do proxecto normativo que leva seis meses paralizado e esixen unha aprobación inmediata por parte do Consello de Ministros, tal e como xa reclamou a Federación Española de Municipios e Provincias.
Segundo denuncian os afectados, esta situación provoca a falta de renovación dos planteis das distintas xefaturas. Sinalan, ademais, que a aprobación non afectará o equilibrio financeiro do sistema público de pensións porque se sufraga coa cotización adicional que soportarán os concellos e os axentes policiais.
Se a situación non cambia volverán concentrarse os días 6 e 20 de abril, entre as 11.00 e as 12.00 horas.