Loita social en feminino
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Nunha época na que as mulleres quedan reducidas á esfera do fogar, sen ocupar o espazo público e con todas as limitacións posibles par tomar as rendas das súas propias vidas sen ter un home á beira, houbo valentes que se levantaron, enfrontáronse ao establecido e mesmo lideraron a loita social. Elas foron as protagonistas da última actividade do programa municipal A Memoria das Mulleres, a charla 'Mulleres pontevedresas nas loitas sociais da segunda metade do século XX'.
A actividade reuniu na Casa das Campás de Ponteverda a varias decenas de espectadores dispostos a aprender das ensinanzas destas loitadoras que tiveron, se cabe, máis mérito pola época na que se puxeron fronte ao poder, os 40 anos da Ditadura Franquista. E dispostos a facer memoria porque, como sostivo a historiadora Lara Barros, "sanear a nosa memoria, que está ferida, é indispensable".
Facer memoria de todas as loitas e persoas silenciadas resulta necesario tras os anos do silencio nos que a historia a escribiron os vencedores, pero se algo resulta fundamental é recuperar a memoria das mulleres. De todas. Nesta ocasión, tocoulle a quen liderou loitas sociais que se viviron na comarca de Pontevedra como a oposición ás dragaxes das rías de Pontevedra e Vigo, o 'NON' a Ence ou a rebelión ante as imposicións das Irmandades sindicais de labradores e gandeiros.
Unha desas loitas máis silenciadas no seu día polos medios e practicamente ocultas na hisotoria viviuse de forma moi intensa nos anos 50 nas parroquias do rural pontevedrés, de Marcón a Verducido, Alba, Campañó, Santa María ou San Andrés de Xeve. Alí foron as mulleres as que lideraron a loita contra as irmandades sindicais, un sindicato vertical que obrigou a afiliarse a todo aquel que tivese terras e impuxo cotas de forma unilateral inasumibles naqueles anos de miseria.
O rural pontevedrés foi un exemplo de loita en aquelos anos, cunha especial eclosión do conflito no ano 1953 na que as mulleres empezaron a vertebrarse para as protestas usando espazos non formais nos que se movían habitualmente. Houbo unha "feminización da protesta" que serve de exemplo da "forma de facer das mulleres" á hora de enfrontarse ao establecido.
Lara Barros coñece ben esas loitas e expuxo na Casa das Campás a historia desas mulleres que desbarataron os estereotipos que o Franquismo quixo vender de Galicia e, en concreto, das mulleres galegas. Xeneralizaron a imaxe de que a nosa era unha " sociedade sometida e atrasada" de mulleres " sumisas e ignorantes" ás que trataban como "eternas menores de idade", pero a realdad botoulles por terra todos eses tópicos con loitadoras como as que tomaron a palabra este xoves.
Dar a coñecer esas historias de vida con programas como A Memoria das Mulleres permitirá, a xuízo de Lara Barros, que as mulleres do século XXI "recuperen referentes" e vaian " reconstruindo a nosa identidade".
Ese acto conducido por Xiana Igrexas, socia traballadora de MaOs Innovación Social, deu voz a esas historias de vida como a de Carmen Álvarez Otero, 'A Pescadilla', veciña de Ponte Sampaio que nos anos 60 loitou xunto ao resto de mulleres mariscadoras da parroquia contra a draga do río Verdugo para poder sacar area e usala na construción dos primeiros edificios de Vigo.
"Das mulleres que fomos, xa só quedan dúas", relatou e, en nome delas e de todas as que xa non teñen voz para dar a coñecer a súa historia, relatou como foi aquel momento no que "empezaron a chegar as escavadoras" e durante unha semana foron organizándose ata que chegou un día en que 'okuparon' a ponte romana e recibiron pedras en man a quen chegaba para esquilmar o seu modo de vida, o marisqueo. Carmen lamenta que naquela època "a xente era decidida", pero " agora non hai unión, non se loita".
O público da Casa das Campás, entre o que estaba o concelleiro de Patrimonio, Luís Bará, tamén puido escoitar o relato de Dolores Rosales Pazos e Visitación Núñez Castro, mariscadoras da parroquia de Lourizán que formaron parte da loita contra a localización na súa parroquia e os mancos marisqueiros que elas traballaban da pasteira Ence.
Lembraron aqueles anos nos que, antes da instalación de Ence, "chegaba a praia ata o ferrocarril e era a praia que máis producía: berberecho, ameixa fina, ameixa babosa…" e detalles daquela loita na que todo o sector do fondo da Ría levantouse para "defender o pan dous fillos".
Relacionadas:
-
Pontevedra promove unha rede de traballo a nivel galego en defensa da memoria histórica
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Mulleres en Acción do Verdugo-Oitavén preséntase á sociedade
Por Redacción |
-
A Memoria das Mulleres focalizará a atención nas creadoras e na figura de María Victoria Moreno
Por María López Verdial & Anxo Lourido |
-
Os acenos valentes de quen no 36 perdeu todo menos a dignidade
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Homenaxe á Pontevedra solidaria do 36 e o franquismo
Por Redacción |
-
Un mural de nomes silenciados lucirá no Concello en memoria das familias represaliadas
Por Mónica Patxot |