Unanimidade na Lama para recorrer a disolución do padroado das colonias escolares de Covelo
Por Redacción
Todos os grupos políticos con representación na Lama mostraron o seu rexeitamento unánime á disolución da Fundación Padroado das Colonias Escolares de Pontevedra, situadas na parroquia de Covelo do seu municipio, e acordan promover a interposición dun contencioso-administrativo fronte á decisión adoptada neste sentido.
A Corporación Municipal da Lama aprobou co voto unánime de todos os concelleiros presentes unha moción conxunta do PPdeG, PSdeG-PSOE e Cidadáns a través da cal tamén se aposta pola continuidade da Fundación.
A moción apóiana os representantes da asociación de veciños de Laxedo, presentes no Pleno deste xoves, e recolle tamén que, no caso de que finalmente sexa cedida a propiedade dos terreos ao Concello da Lama, a administración local comprométese a que o seu uso "pase a ser do pobo de Covelo a través da súa asociación veciñal".
No acordo subscrito polos tres grupos políticos con representación municipal recóllese que hai unanimidade municpal para opoñerse rotundamente á "decisión unilateral" da Fundación e iniciar o seu proceso de extinción e reversión do patrimonio existente en Laxedo-Covelo ao Concello da Lama "sen un acordo previo e negociado coa Corporación e a asociación de veciños de Laxedo-Covelo".
O documento reflicte tamén que a asociación de veciños de Laxedo-Covelo, entidade legalmente constituída e inscrita no rexistro de asociacións do Concello da Lama,caracterízase desde a súa fundación polo traballo a favor da defensa dos intereses sociais e colectivos dos residentes nesta parroquia e do patrimonio etnográfico, material e inmaterial do lugar e, ademais, coida do xusto recoñecemento da obra altruísta e polo legado da Fundación Padroado de Colonias Escolares de Pontevedra, clasificada como benéfico-docente en 1941.
En canto ao posicionamento da corporación municipal con respecto ao labor que realiza a asociación, manifestan o seu desexo de "apoiar aos veciños de Laxedo-Covelo en todos os trámites de interposición de recursos e accións administrativas reparadoras desta decisión unilateral asumida de forma unilateral pola Fundación e paralizala inmediatamente, ao tempo que se abren conversacións co Concello e a asociación de veciños.
O acordo recolle tamén de forma explícita instar os responsables da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e á Deputación de Pontevedra a establecer conversas co Concello e a asociación veciñal "coa clara intención de recuperar o patrimonio material da Fundación" para que poida ser posta en funcionamento canto antes e peuda servir aos fins benéfico-docentes para os que foi creada polo seu fundador, Manuel Barreiro Cabanelas.
O pleno tamén serviu para dar conta do exercicio orzamentario de 2017, que arroxa un remanente de tesourería próximo aos 600.000 euros e un prazo de pago de facturas duns 21 días.
Relacionadas:
-
Alertan de que a extinción das Colonias Escolares supón unha perda de 50 empregos para A Lama
-
A Lama presenta un contencioso-administrativo contra a extinción do padroado de colonias escolares de Covelo
Por Redacción |
-
O BNG demandará no Parlamento a continuidade do padroado das Colonias Escolares
Por Redacción |
-
Jorge Canda suma o apoio de Carmela Silva para salvar as Escolas de Covelo
Por Redacción |
-
Jorge Canda propón á Xunta a posibilidade de que o Concello asuma as colonias de Covelo
Por Oskar Viéitez |
-
A Lama reacciona contra a intención da Xunta de extinguir e liquidar a Fundación Colonias Escolares
Por Oskar Viéitez |
-
A Lama quere recuperar As Colonias de Covelo
Por Redacción |
-
O PP propón converter 'As colonias' nun campamento vacacional na Lama
Por Redacción |