Plástico cero na auga que se consume en Ponte Caldelas
Por Redacción
A auga que se consume na casa consistorial de Ponte Caldelas xa non terá rastro de plástico. Con motivo do Día Internacional da Auga, o Concello anuncia a instalación inminente nas oficinas municipais dunha fonte de microfiltrado do líquido da rede municipal, eliminando así a auga embotellada en plástico.
Con esta medida, o goberno local súmase a outros 15 concellos galegos e outras institucións públicas que xa puxeron fin á compra sistemática de auga comercial e aposta polo consumo sostible.
Dentro desta política de eliminar a pegada ecolóxica da auga que se consume na Casa Consistorial, o alcalde, Andrés Díaz, asinou un contrato coa empresa 'Agua KmCero' que vai significar un cambio de costumes e un aforro económico estimado en máis de 2.000 euros anuais
O novo contrato supón un custo para as arcas municipais de só 29 euros ao mes, mantemento incluído, e tamén que a partir de agora os traballadores municipais e o público disporán dunha fonte de microfiltración da auga da billa. Cada traballador disporá dunha botella de cristal propia, personalizada para Ponte Caldelas, sistema que tamén se utilizará durante os Plenos.
O público que acuda ao Concello a realizar calquera tipo de xestión tamén terá ao seu dispor vasos de cartón reciclados.
Andrés Díaz subliña que Ponte Caldelas é un Concello sensible co uso da auga, non só polos efectos da seca, que se deixaron notar especialmente este pasado ano en moitos dos pobos do rural, senón tamén pola defensa dos valores naturais dos seus ríos e, particularmente, a loita contra o proxecto antiecolóxico do transvasamento do río Verdugo.