Lores negociará cun grupo investidor mexicano para ofrecer o solar para hotel en Tafisa
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ten previsto negociar cun grupo investidor mexicano para ofrecer o solar para hotel en Tafisa.
A tenente de alcalde, Anabel Gulías, informou ao seu regreso do país azteca que "marchamos cun sabor agridoce", porque houbo que suspender a reunión prevista no Centro Galego en México, debido ao recente asasinato dun empresario radicado na cidade azteca, que era familiar do presidente do centro, José González.
Nesa cita frustrada o alcalde e a concelleira de promoción económica tiñan a "firme intención" de reunirse con algún grupo hostaleiro mexicano para "ofrecerlle a posibilidade de investir en Pontevedra".
Anabel Gulías lembrou que "isto non é novo, é unha vella demanda do concello ter equipamento hostaleiro de primeiro nivel" para o que estaba previsto este encontro cun "importante grupo investidor".
O goberno local non desiste desta idea polo que tentará que se celebre en Pontevedra "cando algún destes empresarios poida desprazarse" e comprobar sobre o terreo as posibilidades que ten a cidade.
O Concello ofrecerá a parcela municipal reservada para a construción dun hotel de catro ou cinco estrelas na urbanización de Tafisa, a máis próxima á ponte dos Tirantes, actualmente ocupada por un estacionamento para auto caravanas.
A parcela ten unha superficie de 3.173 metros cadrados e permite unha edificabilidade máxima de 8.700 metros cadrados, equivalente a un edificio de seis plantas con aproveitamento baixo cuberta. O Concello pedía uns dous millóns de euros por este solar.
Por outra banda, Anabel Gulías tamén avanzou a intención do goberno local de organizar un encontro con expertos internacionais no deseño urbano, aproveitando os importantes contactos que se fixeron en México con expertos "de primeiro nivel".
Relacionadas:
-
O sanatorio de Santa María, futuro hotel?
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Así quedaría a urbanización de Tafisa se segue adiante o proxecto de 200 vivendas
Por Natalia Puga |
-
Cidade de México enviará unha carteira de investidores interesados en Pontevedra
Por Redacción |
-
Hai oco no mercado hoteleiro pontevedrés para un "cinco estrelas"?
Por Oskar Viéitez |