22 de Marzo: Día Mundial da Agua
Hoxe celébrase o Día Mundial da auga 2018 baixo o lema "Natureza para a auga", unha efeméride que Viaqua e a súa Fundación Aquae aproveitan para poñer o foco nunhas cifras que constatan que aínda queda moito traballo por facer para conseguir cumprir o obxectivo seis dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da ONU: auga potable universal, equitativa e a un prezo alcanzable en 2030.
Mentres que en países como España consumimos unha media de 132 litros diarios por habitante, máis de 3,4 millóns de persoas morren cada ano por enfermidades relacionadas coa auga, como o cólera, o paludismo, a disentería ou enfermidades diarreicas.
Como subliña, Mariola Urrea, presidenta do Consello de Estratexia e Supervisión de Fundación Aquae "Se nos fixamos nos máis pequenos, o dato é dramático: ao redor de mil nenos, menores de 5 anos, morren diariamente por algo tan intranscendente para nós como a diarrea".
En todo o mundo, ao redor de 2.100 millóns de persoas (3 de cada 10) carecen de acceso a auga potable e dispoñible no fogar e 4.500 millóns de persoas (6 de cada 10) non dispoñen dun saneamento seguro, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) e UNICEF.
Dos 2.100 millóns de persoas que non dispoñen de auga xestionada de forma segura, 844 millóns non teñen nin sequera un servizo básico de auga potable. Isto inclúe a 159 millóns que aínda beben auga non tratada procedente de fontes de auga de superficie, como arroios ou lagos; e a 263 millóns de persoas que teñen que empregar máis de 30 minutos por viaxe para recoller auga de fontes que se atopan lonxe do seu fogar, o que implica que moitos menores non poidan ir á escola.
A RESPOSTA ESTÁ NA NATUREZA
O lema da ONU para o Día Mundial da auga 2018 é "Natureza para a auga", que pretende chamar a atención ao redor da necesidade de buscar e aplicar solucións baseadas na Natureza que axuden, de forma sustentable e rendible, a reequilibrar o ciclo da auga, mitigar os efectos do cambio climático e mellorar a saúde humana e os medios de subsistencia.
A restauración de bosques, praderías e humidais naturais, a reconexión dos ríos coas chairas inundables ou a creación de franxas de protección vexetal ao longo dos cursos de auga son exemplos de solucións baseadas na natureza que facilitan a xestión da dispoñibilidade e a calidade da auga.