Arde o camión dun circo na variante de Marín
Por Redacción
Un camión que transportaba mobiliario dun circo que ten previsto a actuar en Bueu os próximos días resultou calcinado tras sufrir un incendio na variante de Marín.
Segundo informou o 112 Galicia, o incendio produciuse ás 19.30 horas deste martes, cando o vehículo circulaba camiño de Bueu.
Foi un particular o que deu a voz de alarma ao 112, o que permitiu activar un operativo no que participaron os bombeiros de Pontevedra e O Morrazo. Á súa chegada, o lume estaba xa moi avanzado polo que o camión acabou totalmente calcinado.
O condutor, ao darse conta do incendio, comezou a retirar a carga que transportaba, fundamentalmente cadeiras e butacas. A pesar de todo, boa parte da carga resultou danada.
Para facilitar os labores de extinción e garantir a seguridade dos condutores, os axentes da Garda Civil de Tráfico solicitaron ao equipo de limpeza e mantemento da autovía material luminoso para indicar o corte da circulación polo carril en sentido Bueu.
Con todo, a estrada de dobre carril facilitou o tránsito fluído de vehículos mentres duraron os traballos de limpeza e restablecemento das condicións de seguridade na vía.