Inician os traballos de mellora dos accesos á piscina municipal de Marín
Por Redacción
Finalizada toda a tramitación necesaria, as obras de mellora da accesibilidade á contorna da piscina municipal de Marín puxéronse en marcha esta semana.
Os operarios da empresa adxudicataria comezaron a sinalizar a zona das obras tratando de coordinar os traballos coa asistencia de nenos ao centro de educación Mestre Landín en autobús e os usuarios da instalación deportiva, así como os veciños da contorna.
Ademais iniciouse a demolición dos pavimentos existentes como primeira fase de actuación.
O obxectivo desta actuación é eliminar barreiras arquitectónicas, crear unha beirarrúa para o paso dos peóns, modernizar a iluminación pública, dispoñer espazo para estacionamento de vehículos, axardinar zonas residuais e implantar nova sinalización, ademais de rehabilitar o pavimento da calzada.
As obras na contorna da piscina municipal contan cun orzamento de 142.404,96 euros.