Ponte Caldelas modernizará o vello inventario do Concello
Por Redacción
O inventario municipal de Ponte Caldelas, o documento que detalla todas as propiedades municipais, será modificado para adaptalo ás necesidades dunha administración moderna. Un avance que acabará co lastre de traballar cun inventario completamente desfasado e, moitas veces inútil, coñecido nas oficinas municipais como "o incunable".
O goberno local decidiu arquivar definitivamente esta "peza de museo" que data de 1991 e que consiste nun maletín con varios tomos desordenados e mesmo planos apolillados ou con anotacións feitas a man en caligrafía. E, o peor de todo, un inventario que non recolle moitas das vías e camiños municipais.
O Concello, con cargo a unha subvención outorgada pola Deputación Provincial no marco do Plan Concellos, vén de adxudicar a unha consultora especializada o contrato para a revisión, actualización e modernización dos valores dos bens e dereitos do patrimonio municipal por un importe de 38.799 euros. O prazo de entrega remata a finais deste ano.
Ponte Caldelas pasará así a dispor dun inventario moderno, con planos completamente dixitalizados, incluíndo unha aplicación para a súa consulta e modificación anual con medios propios. Estará integrado cun sistema de información Xxográfica de software libre. Un único ficheiro informático achegará información de tipo urbanístico, pero tamén moi útil a nivel de catastro, xestión de taxas municipais ou mesmo estatística.
O inventario é imprescindible para a correcta tramitación dos expedientes de obras. A obsolescencia do actual documento tamén afectaba á suscripción de convenios con outras administracións ou con particulares.
Segundo o inventario "histórico" de Ponte Caldelas, as propiedades municipais están valoradas nun total de 669,7 millóns de pesetas, que se desglosaban nos 387,7 millóns das fincas municipais urbanas, os 8,1 millóns das fincas rústicas e os 275,9 millóns en que se valoraban os viais públicos.
Agora, haberá que actualizar todos eses valores, xa coa moeda vixente, ademais de corrixir os numerosos erros detectados e incorporar as novas propiedades.