Altos niveis de ferro en auga obrigan a cambiar a fontanería do colexio de Carril
Por Clara Alonso
A auga do CEIP Rosalía de Castro en Carril, Vilagarcía, foi analizada polos servizos de saúde da Xunta de Galicia nos meses de febreiro e marzo debido a unha denuncia imposta pola comunidade educativa e tras levar a cabo unha inspección do edificio.
Os resultados mostraban niveis de ferro en auga superiores ao dobre permitido para consumo humano. En concreto, nunha das mostras chega a alcanzarse 1.440 microgramos do mineral, cando o máximo establecido é de 600.
A comunidade educativa cre necesaria a renovación completa da fontanería debido a que segue sendo a mesma desde a súa construción, fai máis de trinta anos. Non só se trata dun problema de mantemento xa que afecta tamén á saúde pública, impedindo aos usuarios do centro facer uso da auga corrente.
Por mor da denuncia e os resultados das análises, na mañá deste luns, a administración autonómica tomou a decisión de levar a cabo modificacións na fontanería.
As obras serían de carácter "prioritario e urxente"
O delegado da Xunta, José Manuel Cores Tourís e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, confirmaron ao alcalde do municipio, Alberto Varela, que as obras serían de carácter "prioritario e urxente".
Os técnicos da Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra están a avaliar o estado das mesmas. As tubaxes en mal estado do colexio serán substituidos, así como os que se atopan na entrada do colexio.
Así mesmo, como marca o protocolo de Sanidade, realizouse unha nova análise no interior e o exterior do centro para comparar os niveis de ferro.
Para garantir a seguridade da comunidade educativa, estará prohibido consumir auga da billa e seguirán subministrando auga embotellada aos alumnos e alumnas.
Seguidamente procederán a cambiar os aseos do colexio, como acordaron o delegado territorial e o alcalde de Vilagarcía.