Falan as publicistas: "É un sector masculino no que as mulleres teñen que demostrar o dobre"
Máis do 60% dos graduados en Publicidade son mulleres, pero soamente o 3% accede a postos directivos ou de relevancia nas empresas, segundo a AEACP. Nunha profesión na que se valora especialmente o talento e a creatividade, resulta chocante que as mulleres continúen relegadas a oficios relacionados coa organización ou a loxística. Cal é a razón pola que a maioría dos cargos de dirección nas empresas do sector estean ocupados por homes?
A esta pregunta tratouse de dar resposta na xornada Falan as publicistas: as mulleres na industria publicitaria, que se celebrou este luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.
O profesor Alberto Dafonte organizou no Salón de Graos da facultade unha "mesa redonda" na que participaron catro mulleres profesionais do mundo da publicidade e a comunicación, que reflexionaron acerca de temas como a brecha salarial, o teito de cristal, o machismo na publicidade e a presenza e situación da muller neste sector, entre outros.
Así Ruth Davila, directora executiva en Publigal; Noelia Fernández, directora creativa en Desoños; Luz Pérez, directora de contas e márketing dixital en Ovo Publicidade e Marta Expósito, deseñadora estratéxica en ALL, meditaron acerca da súa propia experiencia e dos cambios e desigualdades que presenciaron na publicidade desde que exercen a súa actividade profesional.
"O noso sector non é diferente a outros, segue habendo machismo e é dificultoso para as mulleres acceder a postos de dirección", sinalaba Luz Pérez, que actuou como moderadora da mesa. "Histórica y culturalmente sigue siendo un sector masculino, por lo que la mujer debe hacer y demostrar el doble", destacou Marta Expósito, a máis nova das ponentes e con varios premios internacionais no seu haber.
Ruth Davila, que conta con máis de vinte anos de experiencia no mundo da publicidade, contou algunhas das vivencias que lle sucederon ao longo da súa traxectoria profesional, na que a chegaron a tachar de "mandona" ou describiron os seus traballos como "femininos". "Hay clientes que ni siquiera te miran a los ojos mientras les presentas un proyecto", comentou.
"Para que las cosas cambien, el cambio debe comenzar en cada una de nosotras"
A iniciativa, de entrada libre e con moi boa acollida por parte de alumnos e profesores, contou co patrocinio da Unidad de Igualdad da Universidade de Vigo, creada precisamente para promover a equidade en canto á incorporación profesional de homes e mulleres. Como sinalou Noelia Fernández, "para que las cosas cambien, el cambio debe comenzar en cada una de nosotras".