Pontevedra tínguese de verde para celebrar o Día de San Patricio
Por Redacción & Mónica Patxot
A cidade de Pontevedra non foi allea á celebración, ao longo de todo o mundo, do Día de San Patricio. A festa en honra ao patrón de Irlanda traspasou fronteiras e converteuse nun evento global, no que os desfiles, a cor verde e a cervexa son os protagonistas. E sempre acompañado de grandes doses de diversión.
Na Boa Vila, a festa correu a cargo, como vén sendo habitual, polo Mareantes Rugby Club que, desde o pasado mércores, celebra a festa de San Patricio cunha carpa instalada na Praza de España e pola que xa pasaron centos de pontevedreses.
O gran atractivo da xornada foi a cervexa de cor verde servida pola marca Nasa, en homenaxe a esta festa. Foi unha cervexa loura que levaba incorporada un colorante que, sen alterar o seu sabor, cambiaba a cor da bebida.
Xunto a ela, seguíronse servindo litros e litros de cervexa loura, negra e vermella. Ademais, para acompañalas, puidéronse degustar salchichas irlandesas, hamburguesas, doces tradicionais e un estupendo "bocadillo de luras en pan triscante con maionesa de lima e cedera", creado por Pepe Solla.
A música, este sábado, correu a cargo das bandas Desconcerto e Coverstone.
O domingo será o día máis familiar. Ás 13.00 horas está prevista unha exhibición de baile moderno da man de Talento Dance Studio para todos os públicos. Repetirase tamén a exitosa ' happy hour' a final de tarde, con prezos especiais para todos os asistentes.