VIDEO.- Pensionistas saen á rúa en Pontevedra para reclamar "o que é noso"
Tras toda unha vida traballando, os pensionistas de Pontevedra reclamaron este sábado "o que é noso". Centos de persoas secundaron as protestas que, a nivel do todo o Estado, celebráronse para defender o sistema público de pensións e esixir ao Goberno unha subida nas retribucións que lles permita levar unha vida digna.
A concentración, convocada na Boa Vila polo Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), foi secundada tamén polos sindicatos Comisións Obreiras e UXT. Xunto a eles, xubilados e xubiladas que encheron a Praza de España para denunciar que coas súas pensións "non se xoga".
Ante un público no que tamén había moita xente nova, a portavoz de Modepen, Victoria Portas, advertiu ao Goberno que "gústelles ou non" seguirán reclamando na rúa a subida das pensións, ao considerar "ridículo" o aumento do 0,25% aplicado polo PP.
Entenden os manifestantes que o estado de benestar está a sufrir un "ataque brutal" por parte do executivo de Mariano Rajoy, ao que acusan de querer "favorecer" os plans privados de pensións.
Ante esta situación, demandan medidas para que se manteña o poder adquisitivo das pensións públicas, restablecer a xubilación ordinaria aos 65 anos ou recoller as pensións como un dereito constitucional e incluílas nos orzamentos xerais do Estado.
Ademais, este movemento pide recuperar o subsidio para maiores de 52 anos ou a xubilación anticipada co 100% de prestación se se cotizaron máis de 40 anos, que desapareza a brecha de xénero nas pensións, que se cumpra a lei de dependencia, elimínese o copago farmacéutico e se restablezan todos os dereitos sanitarios perdidos.
Os pensionistas avisan que non van parar ata que se resolvan estas demandas, especialmente a revalorización das súas prestacións, e lembran que todas as conquistas sociais conseguíronse tras "loitas longas e cheas de dor".
Relacionadas:
-
Colectivos de pensionistas concéntranse o sábado en defensa dos servizos sociais
Por Redacción |
-
Pensionistas de UXT e CC.OO seguirán a concentrarse para que o goberno de Pedro Sánchez os teña en conta
Por Redacción |
-
"A reforma das pensións é para machacar a xente nova"
-
Un berro alto e claro en defensa das pensións
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
RADIO.- Alejandro Ruetter: "O problema das pensións non é noso, é das xeracións próximas"
Por Marisa Ciordia |
-
A CIG maniféstase polo centro de Pontevedra en defensa das pensións dignas
Por Sara López Lago & Anxo Lourido |
-
Os pensionistas avisan a Rajoy: "Somos os de maio do 68. Nin un paso atrás"
Por Anxo Lourido |