Ensanchan a vía de Louredo para permitir o paso de vehículos de emerxencias
Por Redacción
Que todas as pistas conten cunha anchura mínima que permita o acceso de turismos e de vehículos de emerxencias a todas as vivendas do municipio. É o obxectivo dos traballos que o Concello de Cerdedo-Cotobade está executando para ensanchar a vía de Louredo no lugar de Dorna, pertencente á parroquia de Santa María de Sacos.
Esta actuación, ao abeiro do Plan Municipal de Mobilidade Interior das aldeas, busca tamén que se poida realizar unha circulación simultánea en dous sentidos naqueles camiños que conten coas características axeitadas nas súas marxes para realizar estas ampliacións.
O presidente municipal, Jorge Cubela, achegouse ata a zona para visitar estes traballos, que toman o relevo dos realizados recentemente no lugar de Vilanova, e departiu cos responsables da obra, que quedará rematada nos vindeiros días, ao igual que a mellora da pavimentación doutro camiño que dá acceso a un dos túneles subterráneos que enlazan desde a N-541.
A actuación en Louredo consiste no derrubo dos muros laterais, e a súa posterior reconstrución, en diversos puntos da vía onde se pode gañar espazo e na execución dun ensanchamento ata permitir as manobras simultáneas de dous vehículos, xa que na actualidade cando coinciden están obrigados a realizar unha complicada circulación cara atrás.
Ademais, tras a mellora da estrutura da pista, procederase á dotación dunha nova pavimentación. Os traballos contan cun orzamento de 20.000 euros.
"Moitos camiños foron concibidos hai moitas décadas e quedan pequenos para os coches da actualidade, que son cada vez máis grandes, e desde o concello temos que ir dando resposta paulatina a estas necesidades", comentou o rexedor.