A Cámara de Comercio fusionada estreará novo pleno sen necesidade de eleccións
Por Natalia Puga
A Cámara de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa terá un novo pleno, o primeiro elixido por un proceso electoral único tras a fusión das tres entidades hai tres anos e, ademais, terao sen necesidade de que se celebren eleccións. Xa foron designados como vogais electos os 40 membros do novo pleno, dos que 14 pertencen a empresas que teñen sede social na zona territorial das antigas cámaras de Pontevedra e Vilagarcía.
A Xunta Electoral da Cámara para as eleccións á renovación dos membros do pleno reuniuse este martes 13 de marzo de 2018 e procedeu á proclamación das candidaturas presentadas para cubrir 40 vocalías. Resultaron proclamados o mesmo número de candidatos que vogais a elixir dentro de cada grupo e categoría, de modo que xa quedaron designados como vogais electos, sen necesidade de concorrer ás eleccións.
Entre eses 40 figuran, en representación dos distintos sectores en Pontevedra e Vilagarcía e as súas comarcas, Fundiciones Rey S.A, Nodosa SL, SETGA S. L.U., Kemegal Químicas S. L., Construcións Ramírez S. L., Digamel, Novavila Rías Baixas S. L., Victor Manuel Pampín Míguez, Actividades Zentola S. L., Ceferino Nogueira S.A. L., Pérez Torres Marítima S. L., Investimentos Kent S. L., Tanatorio San Mauro S. L. e Centro del Pie Podospont S. L.
Entre eles, está Víctor Pampín, portavoz do colectivo Hoempo (Hosteleiros Empresarios de Pontevedra), que, do mesmo xeito que moitos dos empresarios que representan a Pontevedra e Vilagarcía, presentáronse como vogais "para representar a Pontevedra", pois "cuantos más seamos de Pontevedra, más cosas conseguiremos para la ciudad".
Esa intención é xeneralizada, "seguir apostando por la ciudad", pois neste novo pleno tan só hai 14 empresarios que estarían nas extintas cámaras de Pontevedra e Vilagarcía e, se ninguén dá o paso de presentarse, ambos os territorios quedarían infrarrepresentados en beneficio de Vigo, a cámara máis forte e con maior representatividade.
Por outra banda, a Xunta Electoral deu cumprimento á proclamación dos candidatos a proposta da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), actuando por delegación a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a través dunha lista única na que figuran o ex presidente da Cámara de Pontevedra e actual vicepresidente da entidade fusionada, Eduardo Barros Pereira.
Ademais, procedeuse á designación de representantes reservada ás empresas que realizan achegas voluntarias á cámara, entre as que figura o Grupo Ence.
Ao longo destes días os novos vogais recibirán a notificación coa designación e deberán recoller as credenciais para a toma de posesión. Trascurridos os prazos establecidos na convocatoria oficial de eleccións, será a Dirección Xeral de Comercio, órgano tutelante das cámaras, quen convoque a sesión constituínte do novo órgano de goberno cameral, na que se elixirá ao presidente e aos membros do Comité Executivo.
Relacionadas:
-
A Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía abre o seu proceso electoral
Por Redacción |
-
A Cámara de Comercio inicia o proceso electoral para a renovación do seu pleno
Por Redacción |
-
As frontes xudiciais abertas copan o Pleno da Cámara de Comercio
Por Natalia Puga |
-
Barros, de presidente en Pontevedra a vicepresidente da nova Cámara de Comercio integrada
Por Natalia Puga |
-
A renuncia de dous empresarios de Pontevedra obriga a buscar vocais para a nova Cámara de Comercio
Por Natalia Puga |
-
Unanimidade política en Pontevedra: a fusión das Cámaras de Comercio é por "supervivencia"
Por Alejandro Espiño |