Os pontevedreses deben 29 millóns de euros en impostos e taxas sen pagar
Por Alejandro Espiño
Pontevedra arrastra unha débeda ao seu favor de 29,2 millóns de euros. É o diñeiro que, ao 20 de decembro de 2017, non pagaron os cidadáns por diferentes impostos e taxas municipais. Así se recolle no informe anual da empresa Recyges, encargada de reclamar a falta de pagamento en nome do Concello a través da denominada vía executiva.
Os recibos tramitados por falta de pagamento durante o pasado exercicio ascenderon a 5.297.328 euros. Deles, lográronse recadar 3.471.295 euros. Trátase dunha cantidade lixeiramente inferior á recuperada en 2016 no que, a través desta vía executiva, chegaron 3.618.797 euros ás arcas municipais.
Máis da metade das débedas que se saldaron, 27.723 valores entre recibos e liquidacións, corresponden a recibos impagados nos anos 2016 e 2017. Con todo, Recyges tamén logrou cobrar 168 euros que, sumados os correspondentes intereses de demora, debían dous contribuíntes desde hai vinte anos, débedas de 1997 e 1998.
O IBI, o imposto que grava as propiedades inmobiliarias, volve ser un ano máis o que xera máis falta de pagamentos e, como consecuencia, tamén máis ingresos pola vía executiva. Así chegaron 1.150.695 euros, un 33,14% do total das débedas saldadas no último ano.
Outros 699.106 euros corresponden a falta de pagamento dos recibos de auga e lixo, 458.765 euros á viñeta dos vehículos, 518.080 euros a recargas e intereses varios, 200.042 euros a multas de tráfico, 139.125 euros polo imposto de plusvalía, 56.620 euros polo imposto de actividades económicas e 46.606 euros polo imposto de construcións e obras.
O informe recolle ademais outras cantidades importantes ingresadas por débedas relacionadas con veladores (26.384 euros), o IVE (31.811 euros), vaos (17.537 euros), as cotas de urbanizacións (40.157 euros), valos publicitarios (21.334 euros), postos en feiras e mercados (35.016 euros) ou servizos de extinción de incendios (15.385 euros).
EMBARGOS DE CONTAS E BENS
Para cobrar este diñeiro, nalgúns destes casos, a empresa Recyges tivo que ordenar o embargo en contas bancarias e bens dos contribuíntes que non pagaron os seus tributos de forma voluntaria tras recibir as notificacións correspondentes.
Así, lográronse recadar uns 621.729 euros ao decretarse o embargo de 3.917 contas bancarias. Este trámite levantouse nun prazo de apenas vinte días para 83.721 euros, despois de que os morosos pagasen o diñeiro debido ou se xustificase que eran cantidades inembargables, segundo a lei vixente.
Ademais, embargouse o soldo de contribuíntes que non pagaron -aínda que o informe non recolle datos-, e deuse orde para embargar 40 vehículos, expedíronse 40 ordes de captura para coches e a Policía Local chegou a precintar outros seis. Con respecto a estes últimos, levantouse o embargo que pesaba sobre todos eles despois de que o titular pagase a súa débeda.
No caso dos inmobles, notificáronse as dilixencias de embargo a 23 persoas e presentáronse 13 anotacións preventivas no Rexistro da Propiedade de Pontevedra; mentres que outros 1.158 contribuíntes viron embargadas as súas devolucións de Facenda por un total de 335.138 euros. Outros 75.083 euros chegaron a través de concursos de acredores.
Relacionadas:
-
Pontevedra, pendente de cobrar 32 millóns en taxas e impostos que os cidadáns non pagaron
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, un concello con boa saúde económica que "cumpre escrupulosamente a lexislación"
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra aproba sen sobresaltos un orzamento de 75 millóns para 2018
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |