O Sergas garante que o futuro do Hospital do Salnés está "blindado" coa Lei de Saúde
Por Alejandro Espiño
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) quixo saír ao paso das interpretacións "sesgadas" que, ao seu xuízo, están a trasladarse á opinión pública con respecto á modificación da Lei de Saúde. Preocupan especialmente os "mantras" que poñen en cuestión o futuro do Hospital do Salnés e que, segundo a administración sanitaria, está "blindado".
Así se expresou o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) Pontevedra-Salnés, José Ramón Gómez.
Esta modificación legal suporá, aclarou o xerente, un beneficio "xeralizado" para os pacientes do Salnés, pois permitirá ampliar a oferta de recursos asistenciais no hospital comarcal, "con máis e mellores servizos" e non alterará a asignación de profesionais médicos.
Os distritos que se configuran, O Salnés e Pontevedra, tomarán como referencia a institución hospitalaria no seu ámbito territorial, garantindo por lei a súa permanencia.
No caso do Salnés, engadiu José Ramón Gómez, isto permitirá unha coordinación entre Atención Primaria e Atención Hospitalaria máis efectiva, cunha cobertura asistencial realizada cos mesmos criterios asistenciais e de derivación entre centros, protocolos únicos de área, e maior interactuación de profesionais de ambos niveis asistenciais.
O xerente negou, por unha banda, o "argumento" da privatización da sanidade, xa que recordou que nos últimos dez anos investíronse neste hospital 11,5 millóns de euros e que, con respecto ás derivacións de pacientes a centros concertados, só se fixeron 189 das máis de 80.000 asistencias realizadas no pasado ano 2017.
A este respecto, tamén rebateu a denuncia sobre o posible desmantelamento do hospital. Así recordou que nos últimos anos incorporáronse novas urxencias, quirófanos, a área obstétrica, a unidade postcirúrxica, a cirurxía maior ambulatoria, a especialidade de oncoloxía ou o hospital do día, e que se ampliaron "notablemente" os espazos físicos do centro.
Esta ampliación dos servizos provocou o incremento nun 20% máis de profesionais distribuídos nos diferentes servizos, pasando de 264 a 316 traballadores. Nos últimos dez anos, ademais, o hospital asume, segundo os datos do Sergas, un 22% máis de ingresos, un 10% máis de asistencias ou un 44% máis de actividade cirúrxica.
"A poboación ten que ter claro que no Salnés teñen un hospital moderno, cunha infraestrutura e unha tecnoloxía axeitada e no que se fixo un investimento importante", resumiu José Ramón Gómez, que explicou que o hospital está "perfectamente dotado" para dar servizo a unha poboación de 70.000 habitantes.
Relacionadas:
-
SOS Sanidade Pública pide transparencia nas listaxes de espera dos hospitais
Por Anxo Lourido |
-
Gonzalo Caballero acusa á Xunta de "marear a perdiz" e non avanzar co novo Montecelo
Por Alejandro Espiño |
-
Conselleiros do goberno de Núñez Feijóo manteñen un encontro para fomentar a política de proximidade
Por Redacción |