Ence investiga como fabricar novos materiais baseados nas nanocelulosas
Por Oskar Viéitez
A planta de Pontevedra de ENCE desenvolve un proxecto pioneiro de investigación cuxo obxectivo é fabricar novas xeracións de micro e nanopartículas de celulosa para o seu uso en produtos industriais estratéxicos. A iniciativa denomínase proxecto Novacell e foi presentada este xoves.
O proxecto supoñerá un investimento directo e inducido próximo aos 5 millóns e medio de euros e estímase que creará un emprego total de 91 postos de traballo altamente especializado, directo e indirecto, a maior parte en Pontevedra grazas á incorporación de persoal científico-técnico cualificado.
O director territorial de Ence en Galicia, Antonio Casal, explicou que Novacell é un proxecto enmarcado no campo da bioeconomía, que fará posible a obtención de nanocelulosas que abrirán o camiño á fabricación dun amplo abanico de innovadores produtos fabricados cunha materia prima renovable e galega, como é o eucalipto, para substituír a materiais derivados do petróleo e plásticos.
A finalidade é obter materiais renovables e respectuosos co medioambiente para o seu uso en adhesivos de poliuretano, recubrimientos téxtiles e escumas de poliuretano, composites e tubaxes de alto valor engadido, papeis especiais (baixo gramaxe, hidrofóbicos), encapsulado para ingredientes activos en cosmética, envasado de alimentos e membranas para filtración en tratamento de augas.
En vista do gran potencial industrial e ambiental destes produtos, Ence desenvolverá unha planta piloto na que definirá e optimizará o proceso de fabricación do mencionadas micro e nanopartículas de celulosa.
O proxecto Novacell conta co financiamento do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial que é unha entidade pública empresarial, dependente do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade. Tamén forma parte do programa estratéxico de consorcios de investigación empresarial nacional para o financiamento de grandes proxectos de investigación industrial.
Ademais de Ence, un total de oito empresas e cinco centros tecnolóxicos participan no proxecto Novacell.