O PP critica o "bloqueo institucional" que exercen "Carmela Silva e os seus socios de goberno"
Por Oskar Viéitez
Unha comisión de traballo formada por deputados do Partido Popular na Deputación e no Parlamento de Galicia para analizar a marcha dos proxectos de colaboración institucional entre o ente provincial e a Xunta coincidiu en sinalar este mércores que o "bloqueo institucional e de confrontación" que exercen "Carmela Silva e os seus socios de goberno" é "un auténtico tapón político" para aqueles asuntos de interese xeral para a cidadanía.
Os deputados do PP cren que esta actuación da presidenta da Deputación de Pontevedra "non é para nada casual" e obedece ao seu "desexo" de utilizar a administración provincial de "plataforma política de enfrontamento continuo coa Xunta" e tamén coma "trampolín de promoción persoal para os intereses partidistas de Carmela Silva e o alcalde de Vigo".
Os deputados autonómicos aproveitaron o encontro ademais para darlle aos seus compañeiros provinciais o informe que desde o Parlamento de Galicia solicitaron a Sogama no que se contemplan os datos de cantidade de residuos que se envían tanto a nivel provincial como por concellos.
"É importante esta información para saber cal o impacto da compostaxe na provincia, o proxecto estrela de Mosquera na Deputación no que se leva investido nos tres últimos anos unha cantidade de diñeiro moi considerable", sinalou Ángel Moldes.