José Manuel Martínez reincorpórase como concelleiro tras recuperarse do accidente de xaneiro
Por Redacción
José Manuel Martínez, concelleiro de AVP (Agrupación Veciñal de Ponte Caldelas), reincorporouse este mércores á actividade municipal de Ponte Caldelas despois de dous meses alonxado da primeira liña política para recuperarse do grave accidente de tráfico que tivo o pasado mes de xaneiro.
O concelleiro aínda leva muletas, pero non lle impediron acudir ao pleno da corporación celebrado este mércores. Segundo informou o Concello, recibiu unha calurosa benvida de toda a corporación e irase incorporando progresivamente á actividade municipal.
O pleno extraordinario de Ponte Caldelas aprobou definitivamente os orzamentos para este ano, a Relación de Postos de Traballo (RPT) e o recoñecemento extraxudicial de créditos para pagar as facturas presentadas na recta final do pasado ano, principalmente, fóra do exercicio fiscal. Os asuntos saíron adiante cos votos favorables do equipo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) e a abstención e voto contrario do Partido Popular.
O orzamento ascende a 3.509.000 euros, un crecemento dun 4% con respecto ao anterior, e resulta o máis elevado da historia de Ponte Caldelas. O goberno municipal destaca que supón seguir na senda de consolidación económica do Concello despois de iniciar o mandato cunha débeda dun millón de euros herdada do Partido Popular.
Os informes de Intervención demostran que Ponte Caldelas logrou cumprir as normas de estabilidade orzamentaria e regra de gasto, así como os prazos sobre morosidade das Administracións públicas.
O alcalde, Andrés Diaz, destaca que a xestión económica "é inmaculada" e recorda que "collemos o Concello cun burato por habitante de 181 euros e altos xuros e durante este ano baixaremos de 80 euros limpos por habitante".