Música en directo para relaxarse no Hospital Montecelo
Por Clara Alonso
A mañá deste mércores os pacientes do hospital de día do Hospital Montecelo atopáronse cunha actividade diferente nos corredores do edificio. Tres profesores do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga ofreceron un micro-concerto exclusivo e transformaron as instalacións nun lugar máis confortable.
Esta iniciativa, que forma parte do programa "Un mes, un son" recollido no plan de humanización de Estrutura e Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, ten como obxectivo utilizar a música como medio para que os pacientes poidan relaxarse e gozar.
A actuación levouse a cabo tamén na sala de espera de extraccións e na zona de consultas externas, facendo máis amenos os momentos previos ás citas. As pezas musicais axudaron os pacientes máis nerviosos a acougarse e que a espera para entrar na consulta non fose tan incómoda e longa.
Durante o tempo no que os intérpretes facían soar os seus instrumentos, o Hospital Montecelo transformouse nun lugar máis acolledor e agradable para os pacientes, profesionais e usuarios.