O goberno de Poio acusa a Ángel Moldes de promover unha campaña de "desinformación deliberada" co IBI
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Poio asegura que os veciños do municipio están a ser vítimas dunha campaña de desinformación deliberada e engano polo IBI, orquestrada desde a filas do Partido Popular polo concelleiro Ángel Moldes, ao que non dubidaron en cualificar de "auténtico mentireiro".
O alcalde, Luciano Sobral; a tenente de alcalde, Chelo Besada; o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro e o concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, compareceron este mércores en rolda de prensa durante máis dunha hora para rebater os "datos falsos" difundidos polo PP a través do seu portavoz e de "perfís falsos" creados nas redes sociais para xerar esta polémica.
Así, desde o goberno local insistiron en que o proceso de regularización que estaba en marcha non faría aforrar os propietarios, dixeron. Segundo o goberno local, é moito máis caro e engorroso dar de alta un inmoble por conta propia. Ademais, o abono dos atrasos por non informar sobre unha propiedade págase tanto se se acode de forma voluntaria ou a través da regularización catastral.
Esta regularización, recordaron, promóvea de oficio o Catastro e non o Concello de Poio. A diferenza de anteriores ocasións o Estado decidiu cobrar por primeira vez a todos os concellos de España unha taxa de 60 euros por inmoble. "É algo que creou o PP e bótanos a culpa a nós de que se faga", sinalaron.
Atendendo ao tipo impositivo Poio ocupa o posto número 33 dos 62 municipios da provincia, segundo os datos do catastro. "É mentira que o IBI en Poio sexa o máis caro", din desde o Concello. A cuota media é de 147 euros por veciño en Poio. A media na provincia de Pontevedra é de 137 euros.
Grazas á regularización catastral o Concello recadará 639.835 euros máis, segundo os datos facilitados pola oficina do ORAL que rexistrou 859 son altas novas e 6.193 actualizacións. Desta recadación, 462.000 euros corresponden aos atrasos no pago do últimos catro anos e os 177.000 euros restantes proveñen do incremento do valor do padrón anual. Antes da regularización, o pasado ano 2017, por este concepto as arcas municipais de Poio ingresaron 3.051.000 euros.
Finalmente, o goberno local de Poio lamentou a "demagoxia" de Ángel Moldes ao pedir bonificacións para os galpóns, un suposto que non admite a normativa e que segundo o concelleiro de Facenda é un argumento propio dun "auténtico descerebrado".
Gregorio Agís trasladou o seu malestar pola forma de facer política do PP "xerando problemas onde non existen" e "enganando aos veciños" cun proceso posto en marcha polo ministro Montoro.
"Os veciños de Poio non se merecen un candidato como este" que "lles mente descaradamente", concluíu Chelo Besada.
Relacionadas:
-
A Deputación desmárcase da taxa de 60 euros que cobra Facenda pola revisión catastral
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio sae á rúa para pedir ao alcalde a rebaixa do IBI
Por Oskar Viéitez |
-
O PP chama a veciñanza de Poio a participar na manifestación pola rebaixa do IBI
Por Redacción |
-
Unha web calcula os cartos que aforrarían os veciños de Poio no pago do IBI coas propostas do PP
Por Oskar Viéitez |
-
"Se nos insultan quere dicir que o estamos facendo ben", resposta o PP ao goberno local de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio reúne a veciños afectados por atrasos no IBI e asegura que preparan mobilizacións
Por Redacción |
-
Ángel Moldes, sobre o goberno de Poio: "1.000 días de fracasos e promesas incumpridas son inxustificables"
Por Redacción |