Silvia García, única candidatura ao decanato de Belas Artes
Por Sara López Lago
A actual decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García, opta á reelección na votación do vindeiro martes 20 de marzo.
Coma adianta Eduardo Muñiz no Duvi, xunto aos docentes Marcos Dopico, Carlos Tejo e o PAS (persoal de Administración e Servizos) Maximino Villaverde, García integra a única candidatura presentada neste proceso electoral aberto no centro, no que, tras tres anos de dirección, o seu reto principal será comezar a “dar os pasos pertinentes de cara a previsible implantación do grao en Deseño e Creación no curso 2019-2020”.
O profesorado, o persoal de administración e servizos e o alumnado serán chamados a votar o 20 de marzo no proceso electoral aberto o pasado 26 de febreiro, coa constitución da xunta electoral. O equipo completarase cun novo vicedecano ou vicedecana, en substitución de Susana Cendán. Un posto para o que, como argumenta García, “é moi difícil atopar persoas que poidan implicarse en postos de xestión".
García foi elixida decana en marzo de 2015 pola Xunta de Facultade con 35 votos a favor, tres en contra e unha abstención, tomando o relevo de Juan Carlos Meana á fronte do centro que daquela celebraba o seu 25 aniversario, sendo así a primeira muller á fronte do Decanato de Belas Artes.
A aprobación hai uns días pola Xunta de Facultade da declaración de interese para a implantación do grao en Deseño e Creación é, como explica García, unha das razóns polas que decide renovar candidatura, na que comezará o proceso de elaboración da memoria do título, e a posterior remisión para ser aprobada pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).
"Xa coñecemos o volume de traballo e temos a responsabilidade de intentar poñer en marcha esa nova carreira", declara a candidata.