Mulleres en Acción pola igualdade na comarca do Verdugo-Oitavén
Por Redacción
Involucrarse na loita pola igualdade e por todas as causas sociais da bisbarra. É o obxectivo co que nace Mulleres en Acción, una nova asociación da comarca do Verdugo-Oitavén que quere demostrar que as mulleres de base poden e deben poñer o seu gran de area para acadar unha sociedade máis xusta.
As súas responsables explican que queren alcanzar unha capacidade real para poñer o foco do debate público en asuntos de relevancia para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da comarca ou combater inxustizas sociais.
Para iso, avanzan que non renunciarán a tratar de influír na toma de decisións, tanto xerando conciencia social como chamando ás portas dos despachos oficiais.
O núcleo fundacional está formado por Lorena Durán Bello, Eva Bello Fernández, María del Carmen Juncal Santos, María de los Angeles Carrera Fernández, Yanira Moreira Blanco, Selene Domínguez Mariño, Vanesa Vilariño Lorenzo, Beatriz Cabanelas Lorenzo, Ana María Otero Iglesias, Ana Vila Fernández e Isabel Pregal Avión.
Todas elas son veciñas dos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Fornelos de Montes.
A nova asociación, que xa ten moi avanzada a tramitación para o seu recoñecemento legal, nace tamén cunha carta fundacional baseada nos valores que pretende transmitir.
O principal concepto guía de todas as súas actuacións será a sororidade (irmandade entre todas as mulleres para abordar as cuestións de xénero). O seu ideario é claramente feminista e abraza, polo tanto, o concepto de igualdade, pero tamén os de xustiza social, equidade, liberdade, rigor, excelencia, sensibilidade ou sentido crítico.
"Cada unha de nós ten as súas ideas, pero o que nos importa é que xuntas podemos ser unha ferramenta útil", recalcan, adiantando que son un grupo de mulleres "comprometidas e con capacidade para pensar e esforzarnos buscando que o esquecemento dos asuntos que nos preocupan non sexa cómodo nin confortable".
Relacionadas:
-
Preséntase a asociación Mulleres en Acción do Verdugo-Oitavén
Por Redacción |
-
Mulleres en Acción do Verdugo-Oitavén preséntase á sociedade
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas "ata lazos" e brinda pola igualdade
Por Noelia Torres Pintos |
-
Traballadoras do polígono da Reigosa marchan pola igualdade
Por Redacción |