Cuntis propón recuperar o lavadoiro termal con cargo ao Plan Concellos
Por Redacción
Ata dez actuacións, principalmente obras de saneamento e infraestruturas viarias, propón o Concello de Cuntis para que sexan sufragadas con cargo ao Plan Concellos 2018, que impulsa a Deputación de Pontevedra.
A relación destes traballos foi presentada nunha reunión que o goberno municipal mantivo cos grupos da oposición, o Partido Popular e Veciñanza.
Unha das actuacións máis rechamantes é a proposta para rehabilitar de maneira integral o antigo lavadoiro termal situado no centro do pobo. Trátase dunha actuación orzada en 10.000 euros e que busca recuperalo para uso dos cidadáns.
Ademais, uns 83.000 euros quérense destinar a reparación de vías en Guldrigáns, Vilar de Mato, Laxos ou Troáns; mentres que 55.000 euros serán para a humanización de Transponte, 35.000 euros para o centro de día, 39.000 para actuacións ambientais na senda do río Patela ou 30.000 para a reforma do tellado do pavillón.
A proposta para a liña 1, que inclúe un investimento de 368.000 euros, complétase con diferentes obras de saneamento.
Para a liña 2, que corresponde a gasto corrente, solicitaranse case 52.000 euros, para actividades culturais e deportivas, programas para persoas con discapacidade funcional, obras de eficiencia enerxética ou a renovación da páxina web de turismo.
Relacionadas:
-
Cuntis rehabilitará o lavadoiro termal municipal
Por Redacción |
-
A Deputación comeza a liberar fondos da liña 2 do Plan Concellos
Por Redacción |
-
Animan os veciños de Cuntis a participar na elaboración do orzamento municipal
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis paga o arranxo de nove camiños cun préstamo sen xuros da Deputación
Por Redacción |
-
Cuntis, Vilaboa e Vilagarcía, entre os primeiros en beneficiarse do Plan Concellos 2018
Por Redacción |