Escaseza de peixe de baixura nos mercados de abastos debido aos temporais
Non corren bos tempos para o sector pesqueiro de Galicia. A onda de temporais que veñen sucedéndose desde finais do 2017 está a provocar a escaseza de numerosas clases de peixe e, por conseguinte, o encarecemento dos prezos nas prazas de abastos.
Unha visita ao mercado de Pontevedra permite comprobar como algunhas das peixeiras nos alertan da falta xeral de produto, e apuntan ao mal tempo dos últimos días como principal motivo.
O vento, a marexada e os temporais afectaron especialmente as variedades de costa e á pesca de baixura. Peixes como o linguado, o coruxo, o choco ou o rodaballo son difíciles de atopar nas prazas, e de atopalos o seu prezo incrementouse respecto ao valor habitual. O denominado "peixe pequeno", como o xureliño, tampouco é doado atopalo nas bancadas de venda.
En canto á situación do polbo, que se converteu nun produto dos máis cotizados do momento, en parte polo turismo, mellorou respecto aos meses anteriores. Algunhas vendedoras comentan que, aínda que a tempada non foi a mellor e o polbo escaseou, parece que se adiviña un repunte, aínda que o seu prezo continúa elevado pero sen superar os 12,65 euros o quilo, o seu máximo histórico. Á súa vez esta escaseza contrasta coa abundancia da nécora e da centola.
O mar continúa revolto e iso motivou que os barcos que faenan diariamente estean amarrados ao porto. Pero non todo son malas novas no sector pesqueiro. As capturas no Gran Sol, zona caracterizada pola abundancia de especies como a pescada, continúan o seu curso de forma satisfactoria. Así o aseguran as peixeiras da praza de Pontevedra, en cuxos postos de venda pódense atopar variedades como a mencionada pescada, o rapante ou o rape.
Algunhas alternativas procedentes doutras zonas víronse beneficiadas pola escaseza de peixe de baixura na praza. É o caso do bacallau, un dos produtos máis demandados estes días como consecuencia da falta dos tipos máis consumidos habitualmente. Ao ser un produto que provén de Finlandia e Noruega, principalmente, os temporais non afectaron á súa pesca.
Malia as inclemencias do tempo, as vendedoras móstranse optimistas e afirman que é habitual que en época de tempestades, a situación da pesca adoite empeorar. Con todo animan á xente a achegarse á praza, pois segue habendo xénero de gran calidade.