Detido en Vigo polo atraco a 16 gasolineiras, tres delas en Tenorio, Carril e Meaño
Por Redacción
Ata dezaseis atracos a gasolineiras de toda Galicia cometidos ao longo do último ano. Son os feitos aos que se vincula a un home de 46 anos que foi detido pola Garda Civil en Vigo. Tres destes establecementos están situados en Tenorio (Cerdedo-Cotobade), Carril (Vilagarcía de Arousa) e Xil (Meaño).
Segundo informou o instituto armado, o presunto autor dos atracos foi identificado no marco dunha operación na que participaron axentes das catro provincias galegas, baixo a dirección do xulgado de instrución número 1 de Ribadavia.
O primeiro dos atracos produciuse, segundo os investigadores, o 1 de maio de 2017 na gasolineira Cepsa situada na N-541, á altura de Tenorio. O detido, portando un coitelo de grandes dimensións e coa cara cuberta cun pasamontaña, intimidou á empregada e fíxose coa recadación do establecemento.
Ese mesmo día sucedéronse cinco asaltos similares, todos eles na provincia de Pontevedra e co mesmo modus operandi. Foron atracadas gasolineiras na Golada, Dozón, A Guarda e A Estrada, así como unha estación de servizo en Carril.
Os investigadores explican que cambiou de método nos atracos que se produciron a partir do 5 de xuño. Co rostro oculto cun casco de moto e cunha garrafa de cinco litros de gasolina na man, accedeu a unha gasolineira de Ourense coa escusa de quedar sen gasolina.
No momento en que detectou que o empregado se atopaba só, atracou o establecemento utilizando un coitelo de grandes dimensións tipo machete.
Ao sospeitoso vincúlaselle, con este novo proceder, con outros nove atracos en Arca e Frades (A Coruña), en Guitiriz, Sarria e Antas de Ulla (Lugo), en Arnoia e Melón (Ourense) e nas localidades pontevedresas da Guarda e Meaño.
Durante os meses que durou a investigación, a Garda Civil despregou un discreto operativo de vixilancia nas proximidades das gasolineiras susceptibles de ser atracadas, atendendo ao seu emprazamento así como ao número de empregados durante a hora de peche das mesmas, mobilizando unha gran cantidade de medios humanos e materiais.
Ao mesmo tempo realizouse un estudo exhaustivo dos datos obtidos en cada un dos atracos, o que deu pé a elaborar un perfil do autor, centrando as súas investigacións nun número reducido de sospeitosos, que culminou coa detención de Vigo.
No seu domicilio foron recuperadas as pezas que vestía nos atracos, así como a arma e outros efectos presuntamente utilizados nas sñuas falcatruadas.
O detido será posto a disposición do xulgado de instrución número 1 de Ribadavia nas próximas horas.