A rede de abastecemento de auga de Sanxenxo chegará ata Padriñán
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo decidiu ampliar a rede de abastecemento de auga desde Buezas (Nantes) ata Aldariz (Padriñán). O proxecto ten un orzamento de 47.600 euros e será remitido á Deputación para que sexa incluído no Plan Concellos.
No lugar de Aldariz xa está instalada, desde hai anos, a tubaxe de abastecemento de auga, pero esta rede na actualidade non está en funcionamento. Non existía a posibilidade técnica de fornecerlle auga a través do depósito de Padriñán, ao presentar importantes desniveis e grandes necesidades de bombeo.
Recentemente, terminouse unha obra de construción dun depósito regulador na zona do Con da Ventureira, co que é viable que a rede de Aldariz entre en funcionamento.
Para isto faise necesaria unha prolongación que enlace a tubaxe de baixada do depósito coa rede instalada no lugar.
Esta actuación, que se estenderá ao longo de pouco máis dun quilómetro, ten un tempo de execución aproximado de tres meses, a contar desde a adxudicación da mesma.