A Deputación pide as propostas dos "maiores expertos mundiais" sobre a situación do monte galego
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron este martes un convenio de colaboración para que a institución académica busque aos "maiores expertos mundiais" para que fagan as súas propostas sobre a situación actual do monte "o maior problema ambiental que ten Galicia".
Estas formulacións serán postos en común desembocando nun documento basee con "unhas conclusións claras e asumidas por todo ese equipo" e marcando unhas directrices para que as políticas públicas saiban actuar no monte e en particular fronte aos incendios.
Mosquera sinalou a "preocupación" da Deputación de Pontevedra pola "situación na que se atopa o noso territorio" que tamén ten o seu reflexo nesta liña de traballo emprendida coa Universidade de Vigo o pasado mes de novembro aínda que, por cuestións burocráticas, non puideron formalizar ata agora con este convenio dotado con 58.000 euros.
O vicepresidente considera que "para evitar que sigamos dando bandazos e malgastando recursos" é "fundamental" o aproveitamento de todo o coñecemento que hai, "algo que se valora moi pouco e págase peor", comentou.
Pola súa banda, Salustiano Mato puxo a este convenio como un exemplo da "filosofía" que defende a Universidade de "transferencia de coñecemento", neste caso ás administracións públicas "para que esa eficiencia se traduza en boas políticas públicas".
O reitor destacou o " interesante e novidoso" formato elixido por este convenio, propoñendo a elaboración dun informe "ao estilo máis moderno europeo" que é concitando a través da Universidade a "coordinación do talento existente" neste campo a nivel internacional.
Juan Picos, director da Escola de Enxeñeiros Forestais de Pontevedra, e un dos máis reputados expertos en incendios, é o coordinador deste "gran reto".
Picos explicou que xa leva avanzados os contactos con algunhas das persoas de referencia neste "problema complexo" coa intención de que, ao finalizar a primavera, poidan ter os informes nos que tratarán de "propoñer máis aló de diagnosticar".
O convenio tamén contempla que estes expertos mundiais coincidan na cidade de Pontevedra "nun foro de coñecemento" para confrontar as súas teses e que o resultado sexa "un referente".