Gonzalo Caballero acusa á Xunta de "marear a perdiz" e non avanzar co novo Montecelo
Por Alejandro Espiño
Para os socialistas, o goberno de Alberto Núñez Feijóo provocou un "retroceso" na atención sanitaria que reciben os cidadáns de Pontevedra. Así o denunciou o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, que acusou á Xunta de "marear a perdiz" e limitarse a presentar proxectos "fantasma".
"Nin foi Monte Carrasco nin se avanza no novo Montecelo", asegurou o líder dos socialistas galegos ás portas do Hospital Provincial, tras manter unha reunión cos membros da xunta de persoal do CHOP que, segundo recoñeceu, deixoulle "preocupado" pola situación "que nos trasladaron".
A cidadanía de Pontevedra e da súa área sanitaria, engadiu Caballero, "sufre" hoxe en día unha sanidade "de peor calidade" e, a pesar diso, o PP "dálle as costas" a todos eles ao non atender as necesidades dos pacientes.
Os compromisos con respecto ao CHOP "non se concretan e non se resolven", entende o dirixente do PSdeG, que lamentou que se producen "cando hai eleccións autonómicas" e, ao transcorrer media lexislatura, o PP "non permite novos avances" para solucionar os problemas que se rexistran nesta área sanitaria.
O que sucede en Pontevedra, segundo Gonzalo Caballero, enmárcase nun escenario a nivel galego no que os populares "están a deteriorar" a sanidade pública galega.
O "rodillo de Feijóo" provocará que, o vindeiro martes, se aprobe no Parlamento a nova lei de saúde pública que, subliñou, supoñerá unha "modificación cara atrás" con respecto á normativa vixente, aprobada polo goberno socialista de Emilio Pérez Touriño co "consenso" de usuarios, colectivos e traballadores da sanidade.
Os socialistas aseguran que a "folla de ruta" que marcou o goberno de Núñez Feijóo está a "concretarse" nun menor número de camas hospitalarias, nun persoal sanitario "máis precario", en menores dotacións, na eliminación da prioridade na atención primaria, en máis problemas en urxencias ou na supresión de áreas sanitarias.
Ante esta situación, Caballero pediu ao presidente da Xunta que "rectifique" para frear a "falta de atención" e o "deterioro" da sanidade galega ante os "recortes" que, a nivel orzamentario, están a situar a Galicia "por debaixo" doutras comunidades cando se necesita, engadiu, unha "maior atención" polo envellecemento da poboación.
Relacionadas:
-
O Sergas garante que o futuro do Hospital do Salnés está "blindado" coa Lei de Saúde
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas esixen medidas "inmediatas" ante o colapso en Montecelo
Por Redacción |
-
A Asociación pola Defensa da Sanidade Pública incide nas críticas á "maquillaxe" das listaxes de espera
Por David Arana |
-
"Recoñezo un problema: temos poucos médicos de familia en listas de contratación"
Por Oskar Viéitez |