Ponte Caldelas incorporará 10 operarios ás súas brigadas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas incorporará 10 operarios o próximo mes de abril ás súas brigadas para reforzar diversos servizos. A contratación prodúcese no marco do Plan de Obras e Servizos, unha das liñas de financiamento municipal incluídas no Plan Concellos da Deputación Provincial.
As persoas que sexan seleccionadas cobrarán entre 1.245 euros e 1.327 euros netos ao mes. A masa salarial finánciase coa subvención outorgada pola Deputación, mentres que o Concello faise cargo da cotización á Seguridade Social durante o tempo da contratación, o que supón entre 470 e 502 euros mensuais.
En canto ás condicións non salariais, os traballadores terán recoñecidos todos os dereitos recollidos no Convenio Colectivo do persoal laboral do Concello de Ponte Caldelas.
Os postos requiridos son 5 operarios de Desbroce e mantemento de espazos públicos, 4 operarios de Reparación e mantemento de infraestruturas municipais e un operario de Limpeza Viaria e doutros espazos públicos. A xornada laboral para as dúas primeiras modalidades é de 35 horas e para o último posto, de 37,5 horas semanais. A duración dos contratos será de 7 meses para as dúas primeiras e de 8 meses para a última.
A selección vaise facer a partir da listaxe que xa realizaron os Servizos Públicos de Emprego.
Ata o próximo día 22, estas persoas deben presentar a súa solicitude formal no marco da Oferta de Emprego realizada polo Concello de Ponte Caldelas, que será o encargado de facer a selección final. Un proceso transparente, no que sempre participa un técnico da Deputación Provincial.
Os requisitos que se esixen consisten en ter a nacionalidade española, capacidade funcional para as tarefas, ser maior de idade, non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo nunha Administración pública, non estar inhabilitado xudicialmente e ter a condición de desempregado. Ademais, o operario de limpeza viaria debe contar con varios permisos de circulación.
Relacionadas:
-
Cuntis, Portas e Vilagarcía contratarán 69 traballadores con cargo ao Plan Concellos
Por Redacción |
-
O goberno de Carmela Silva destina fondos para a contratación de 48 persoas en Bueu e O Grove
Por Redacción |
-
Meaño, Meis e Sanxenxo reciben fondos do Plan Concellos para a contratación de persoal
Por Redacción |
-
Marín recibirá máis de 400.000 euros da Deputación para obras e emprego
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo contratará un total de 43 persoas a través do Plan Concellos
Por Redacción |
-
Luz verde na Deputación á achega de fondos a 10 municipios para a contratación de persoal
Por Redacción |