Limpaba a casa... demasiado a fondo
Por Redacción
A Policía Nacional detivo unha pontevedresa que traballaba nunha vivenda da cidade e se extralimitou nas súas funcións. Mentres limpaba a casa fíxose cun botín que non lle correspondía: xoias valoradas en máis de 100.000 euros. Trátase dunha muller de 56 anos e impútaselle un delito de furto.
Os feitos remóntanse ao 2 de abril, cando unha veciña de Pontevedra interpuxo unha denuncia na Comisaría na que daba conta da subtracción no seu domicilio de múltiples xoias de gran valor dada a antigüidade da maioría delas. Na lista había diversas cadeas, aneis, pulseiras, colares, moedas, medallas ou reloxos.
A propia denunciante manifestaba que as portas de acceso ao seu domicilio non presentaban síntomas de ter sido forzadas, polo que sospeitaba que a subtracción debía de ter sido cometida por alguén que tivese acceso á súa casa.
Os investigadores iniciaron as xestións pertinentes que conseguiron determinar que a presunta autora da subtracción fora alguén próximo á denunciante que realizaba tarefas de limpeza na súa vivenda.
Continuando coas indagacións, os axentes puideron comprobar que a agora detida vendera as xoias nun establecemento de compra-venda da cidade de Pontevedra, constándolle varias vendas, motivo polo que continuaron coa investigación ao obxecto de intentar determinar a procedencia desas xoias.
O 14 de abril, a propietaria das xoias foi citada en dependencias policiais para efectuar o recoñecemento fotográfico das xoias localizadas. Unha vez as recoñeceu, os axentes policiais procederon á intervención no establecemento de compravenda, das poucas que non foran vendidas, e se lle fixo entrega destas á súa lexítima propietaria.