A Xunta construirá unha senda peonil na estrada Marín-Rande
Por Redacción
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión deste xoves o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da senda peonil na estrada Marín-Rande (PO-551), concretamente no treito que discorre por Bagüín (Marín).
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, realizará unha achega económica de máis de 315.000 euros para a execución desta mellora da seguridade viaria.
O citado proxecto ten por obxectivo a creación dun itinerario peonil mediante a construción dunha senda peonil pola marxe esquerda, que permita interconectar os distintos núcleos de edificacións que se localizan ao longo da estrada PO-551, mellorando a seguridade viaria dos viandantes.
Nesta actuación a sección transversal da calzada non se modifica, mentres que a sección da senda proxectada é variable, adaptándose á plataforma existente, cun largo mínimo de 1,20 metros. No proxecto prevese separar o tráfico rodado do peonil mediante unha barreira prefabricada de formigón.
Estas actuacións beneficiarán máis de 25.562 habitantes do concello de Marín, que verán mellorada a súa seguridade viaria.