Instalarán "o máis rápido posible" dous ou tres centros de compostaxe máis en Eduardo Pondal
Por Alejandro Espiño
O comportamento dos veciños de Eduardo Pondal coa compostaxe está a ser "exemplar", segundo o goberno municipal. Tanto que, en apenas catro días, xa se encheu un dos módulos comunitarios que entraron en funcionamento o pasado mércores. As previsións iniciais "desbordáronse" e o Concello xa estuda ampliar o seu despregamento.
A concelleira Carme da Silva explicou que, inicialmente, eran 44 familias as que se comprometeron a utilizar o centro de compostaxe comunitaria, instalado na intersección coa rúa Teixoeira. Pero detectouse que achegan biorresiduos nel ata 150 familias, tres veces máis do que estaba planeado.
As mestras composteiras que están a supervisar todo este proceso aseguran que a calidade dos residuos que se están depositando nos módulos de compostaxe de Eduardo Pondal é "moi boa", xa que os veciños están a realizar unha óptima separación en orixe, é dicir, é os seus propios domicilios.
Ademais, experiencias previas demostran, segundo Da Silva, que unha vez ponse en marcha este sistema as achegas dos veciños "non van a menos", polo que o goberno municipal estuda xa localizacións para novos centros de compostaxe comunitaria.
O Concello quere instalalos "o máis rápido posible" e para iso estudarase a procedencia das firmas entregadas polos veciños e as consultas que, a título particular, están a dirixirse tanto ás mestras composteiras como ao propio concello.
Instalaranse, en todo caso, noutras zonas do barrio. A cobertura podería alcanzar non só a Eduardo Pondal senón, segundo a edil do BNG, ao Gorgullón ou a Avenida de Vigo, xa que as peticións veciñais chegaron desde todo ese ámbito urbano.
Relacionadas:
-
Veciños contra o composteiro de Eduardo Pondal: "Que digan la gente que no lo ha pedido"
Por Natalia Puga & Clara Alonso |
-
Eduardo Pondal inaugura a súa central de compostaxe
Por Alejandra Iannone |
-
San Brais e Eduardo Pondal estrean esta semana os composteiros comunitarios
Por Alejandro Espiño |
-
Comeza a instalación do composteiro demandado por veciños de Eduardo Pondal
Por Redacción |