Os comercios da provincia facturarán algo máis de 14 millóns de euros polo Día do Pai
Por Oskar Viéitez
A Federación Provincial de Comercio publicou un estudo de previsión de gasto na provincia con motivo da celebración do Día do pai que este ano cae en luns, polo que se prevé que o fin de semana do 17 e 18 de marzo de 2018, moitas familias aproveitarán para celebralo cunha comida familiar nalgún restaurante, cun gasto medio estimado previsto por persoa, duns 23 euros.
Esta patronal valora o "empuxe" que esta celebración supón para a hostalería da provincia. No caso daqueles familias que opten por celebrar a comer na casa o gasto medio estimado por persoa de 12 euros.
A federación estima que os comercios da provincia facturarán aproximadamente algo máis de 14 millóns de euros para o Día do Pai. Espérase que o gasto medio por persoa sexa de ao redor de 38,46 euros, incrementándose lixeiramente as cifras, con respecto ao ano pasado 2017.
A enquisa reflicte que o 70% das persoas entre 15 e 29 anos regalará algo ao seu proxenitor, cun custo medio estimado de 25,52 euros. O 65% das persoas que se atopan no tramo de idade de entre 30 e 49 anos tamén fará agasallos aos seus pais, gastándose uns 47,70 euros de media. De 50 anos en diante o gasto medio estimado é de 42,17 euros, efectuando agasallos o 15 % dos enquisados.
Finalmente, a Federación Provincial de Comercio calcula que na cidade do Lérez os pontevedreses farán un gasto de 1,9 millóns de euros con motivo do Día do Pai. O agasallo máis repetido é a gravata, seguido das camisas e artigos de perfumería.