Eliminar as verteduras en Caneliñas, paso imprescindible para recuperar a bandeira azul
Por Redacción
As obras para mellorar a rede de saneamento e substituír a tubaxe de augas pluviais na zona de Caneliñas están xa en marcha.
Trátase dun paso imprescindible para optar a recuperar a bandeira azul nesta praia de Portonovo, distintivo que perdeu ao detectar as análises de auga varias verteduras.
Os traballos, cun orzamento de 4.500 euros, céntranse na instalación dunha nova tubaxe e a mellora da rede de saneamento, que recolle e transporta as augas residuais. Ademais, o viario será recuberto cunha capa de xabre compactado que permita a boa circulación dos veciños na contorna.
A concellería de medio ambiente de Sanxenxo traballa, asegura, para recuperar esta bandeira azul e tamén para recuperar a da praia de Areas, perdida polos efectos dun dos regos que hai nas inmediacións do areal.
Neste aspecto o goberno local revela que as últimas analíticas que se realizaron sobre a calidade da auga en ambas as praias tiveron un resultado de excelente, polo que de manterse estes niveis, os areais poderían recuperar o distintivo de calidade.
Esta actuación enmárcase nun conxunto de proxectos que foron redactados por técnicos do Concello para a mellora do saneamento e o abastecemento de auga en varias zonas do municipio, valorados en case 185.000 euros.
Relacionadas:
-
As praias das Rías Baixas lucirán 55 bandeiras azuis
Por Alejandro Espiño |
-
A rede de abastecemento de auga de Sanxenxo chegará ata Padriñán
Por Redacción |
-
Sanxenxo mellorará os accesos ás praias de Bascuas e Pragueira
Por Redacción |
-
As praias de Sanxenxo obteñen a máxima puntuación na calidade das súas augas
Por Redacción |
-
A rotura dunha tubaxe obriga a pechar ao baño a praia de Caneliñas
Por Redacción |