Suspenden a folga en ENCE ao reincorporar, durante 4 meses, un posto de traballo en Lourizán
Por Anxo Lourido
A última hora da noite suspendíase a folga no Grupo ENCE que ía iniciarse este venres 26 cunha duración de catro días. Segundo sinala o presidente do comité de empresa da fábrica de Lourizán, Xesús Graña, chegouse a un acordo porque a dirección decidiu aceptar a reincorporación a partir deste venres 26 do traballador que querían eliminar no posto de Operador de Liña de Acabado.
Iso si, durante catro meses unha comisión analizará se este posto ten suficiente carga de traballo. Se ao final deste período, expuxo Graña, "non hai acordo na comisión para suprimir ese posto, o operario seguiría traballando de maneira definitiva nese posto. A empresa terá que convencer á nosa parte de que non é necesario o traballador".
Tamén acadouse un acordo en relación co despedimento disciplinario previsto en Huelva.
En canto a outro posto de traballo que se quería eliminar na sección administrativa de Forestais, o presidente do comité de empresa indicou que "o posto non desaparece. A empresa o considera dentro da negociación do ERE que temos pendente. Pero o posto non desaparece".
En relación con ese Expediente de Regulación de Emprego acordouse unha negociación os días 9 e 10 de maio na fábrica de Pontevedra. Tamén decidiuse designar unha comisión de 19 integrantes encargados das negociacións que finalizarán nun pleno en Madrid coa intención de chegar a un acordo.
A empresa volveu transmitir que se mantén na idea de eliminar a 144 traballadores no Grupo ENCE, 39 na fábrica de Lourizán, 30 pertencentes ao cadro de persoal de operarios e os nove restantes forman parte do persoal da oficina. Segundo explicou Xesús Graña, nas negociacións non van aceptar despedimentos traumáticos, as únicas opcións pasarían por xubilacións e outras fórmulas que "en ningún caso pasarían por despidos con 25 días por ano traballado e un máximo de 16 meses como quere a empresa. Iso nin de coña. Non estamos dispostos a que se supriman postos de traballo". En caso de que a negociación non avanzase, o comité de empresa xa alerta de que convocaría unha nova folga.
Relacionadas:
-
Traballadores das oficinas centrais de ENCE apoian tres días de folga en agosto polo "clima laboral insostible"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O ERE apraza as eleccións sindicais en ENCE ata 2014 coa oposición do CSIF
Por Redacción |
-
O director de ENCE: "siempre he estado abierto a hablar con el alcalde en cualquier momento y situación"
Por Natalia Puga |
-
Catro días de folga en ENCE en protesta polos 'despedimentos' na fábrica de Lourizán
Por Redacción |
-
ENCE retira o ERE e os sindicatos desconvocan a folga
Por Redacción |