A viaxe fin de curso do Basque Culinary Center será a Ribadumia
Por Redacción
Os cociñeiros do Grupo Nove recibirán aos alumnos que remataron os seus estudos no Basque Culinary Center e a unha representación do seu profesorado para amosarlles unha selección dos mellores produtos gastronómicos de Galicia.
Trátase dun evento enmarcado na viaxe de fin de curso do Basque Culinary Center (BCC), centro que mantén un estreito contacto co Grupo Nove.
Este acto vaise celebrar o vindeiro luns, 29 de abril, e o lugar previsto é a Adega Lagar de Pintos, en Ribadumia. O formato elixido é o dunha pequena romaría na que os cociñeiros de Nove darán a coñecer os produtos gastronómicos imprescindibles e elaborarán algúns dos pratos esencias da cociña de Galicia, con posterior degustación.
No acto, ademais da participación dos cociñeiros e do alumnado e profesorado do BCC, está prevista a presenza de Rosa Quintana, Conselleira de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, cuxo Departamento apoia esta iniciativa, e de Rafael Louzán, Presidente da Deputación de Pontevedra.
O Grupo Nove, formado por 22 cociñeiros e 17 restaurantes galegos con 8 estrelas Michelín, no que salientan algunhas das figuras máis senlleiras da cociña nacional e internacional actual, ten entre os seus fins a defensa e promoción dunha concepción moderna e contemporánea da cociña galega e dos seus excelentes produtos.