O PP di que o Concello non gastou seis de cada dez euros previstos para investir no 2017
Por Oskar Viéitez
O concelleiro do Partido Popular, Rafael Domínguez, criticou a "mala xestión" do goberno local de Pontevedra segundo reflicten os datos definitivos da liquidación do orzamento do pasado ano 2017.
"É a segunda cifra máis alta dos case 20 anos de goberno do señor Lores en Pontevedra", destacou o concelleiro popular ao remate da comisión de Economía e Facenda que preside.
"Se no ano anterior o goberno do BNG chegaba á escandalosa cifra de 5,7 millóns de euros sen gastar, este ano sería case a mesma cifra senón fose pola adquisición non prevista no orzamento do novo baixo para dependencias municipais", apuntou o edil popular.
Rafael Domínguez insiste en que "este novo dato do superávit volve a poñer de manifesto que é posible baixar os impostos no Concello de Pontevedra". "Ano tras ano as contas do Concello demostran a mala xestión do BNG que prefire recadar os cartos aos pontevedreses para logo non investilos", manifestou. "O BNG deixou sen gastar seis de cada dez euros previstos para investir no noso municipio durante o 2017", engadiu.
O edil do PP considera que o goberno local "debe reflexionar" sobre a política económica que esta a levar a cabo "pois os datos dos informes elaborados polos técnicos municipais reflicten todo o contrario do que eles afirman", puntualizou Domínguez.
"Non se inviste o recadado, non hai planificación nin xestión e os prexudicados están a ser os veciños de Pontevedra", lamentou o concelleiro popular.