VÍDEO.- Pontevedra retoma a normalidade tras a folga do 8 de marzo cun ánimo renovado
Un día despois da folga de mulleres do 8 de marzo, Pontevedra parece voltar á normalidade, pero sen embargo, respírase un ambiente distinto.
Polas rúas camiñan, na súa maioría, mulleres orgullosas do que se levou a cabo e homes que valoran positivamente o éxito e a repercusión que tivo esta folga.
Salientan as avaliacións positivas das concentracións levadas a cabo na cidade, da implicación de todas as persoas, do importable e remarcable que é que por primeira vez se organizase unha folga únicamente de mulleres, e por suposto, o sentimento de unidade e loita.
Por suposto, existen multitude de opinións e puntos de vista, dende os que están completamente implicados coa causa, ata os que non o ven tan claro.
Na súa maioría, as mulleres traballadoras nos comercios de Pontevedra non secundaron a folga, pero en casi todos os casos, non por falta de implicación ou de apoio ao movemento.
Moitas das mulleres do comercio local son autónomas e por iso non se atopan en condicións de permitirse as perdas económicas de toda unha xornada laboral.
No caso de Alba López Alonso e Mónica Soage Domínguez, traballadoras da Carnicería Fidel, nas galerías Virxe do Camiño, pese a abrir o establecemento durante o 8 de marzo, están completamente sensibilizadas coa causa e esperan que, grazas a todas as mulleres que puideron secundar a folga, as cousas comecen a cambiar.
Sen embargo, algunhas comerciantes non secundaron a folga por motivos ideolóxicos, ao crer que o que realmente pode provocar o cambio é educación recibida e que debe comezar dende pequenos.
Pero en xeral, os pontevedreses notaron a falta de mulleres nos seus postos laborales.
Marta Peón, estudante de educación social, ademáis de secundar a folga, tras acudir ao médico pudo comprobar como non había presenza feminina, nin de doutoras nin de enfermeiras.
Ademais, moitos homes de Pontevedra apoiaron a folga comprendendo o motivo e a finalidade da mesma, deixando que foran únicamente as mulleres as que a secundasen e cubrindo as tarefas que as súas parellas, nais ou amigas realizan no seu día a día, permitíndolles desta maneira a correcta realización da folga así como a asistencia as concentracións.
Polo tanto, aínda que aparentemente Pontevedra volvera á normalidade, tras esta folga de mulleres, hai un ánimo diferente, unha sensación de inicio, de cambio e por suposto, moitas esperanzas postas en que todo o vivido sirva para algo.